As obras da Praza do Pazo toman vacacións ata setembro
Por Redacción
Este venres 28 pararán as obras de humanización que se acometen na Praza do Pazo de Sanxenxo. Os traballos retomaranse o venres 1 de setembro.
Segundo informa o Concello de Sanxenxo, esta obra queda pendente dos remates de accesos que afectan a propietarios privados cos que se está acordando a mellor alternativa e de parte do axardinamento da zona.
Os problemas de subministración de material no sector da construción e os efectos da folga do metal durante o último mes provocaron unha alteración nos prazos previstos de finalización da obra, segundo informa o goberno local.
A suspensión dos traballos non afectará os peóns que terán acceso á praza e o Concello garante a actividade comercial e hostaleira neste punto do municipio.
O custo desta intervención é de 672.873 euros, financiada con fondos municipais. A obra, que afecta a 2.371 metros cadrados, céntrase en crear dúas plataformas horizontais de zonas verdes e outras dúas, en pavimento de pedra que se unirán con percorridos accesibles para potenciar a actividade social e comercial.
A Praza do Pazo converterase tamén nun espazo polivalente con capacidade para 1.350 persoas, ao contemplarse a realización de espectáculos ao aire libre na plataforma de maior tamaño. A escaleira de acceso principal desde a Rúa Madrid inclúe tres zonas máis elevadas, con formas de bancadas, con acabado en madeira.
Está previsto plantar árbores de folla caduca e a instalación de dez chorros de auga a modo de fonte. Tamén se crearán 15 luminarias de modelos diferentes para mellorar a visibilidade nocturna e seis bancos.