Marta Giráldez, alcaldesa de Meis, emite un bando alertando da escaseza de auga no municipio
Por Redacción
A alcaldesa de Meis, Marta Giráldez Barral, publicaba un bando este mércores reclamando o uso responsable da auga municipal e advertindo da escaseza deste líquido no Concello.
Por este motivo, no manifesto pide unha moderación dos consumos.
Especifica que non se debe usar a auga para piscinas, para regar, para realizar baldeos ou para lavar os coches.
Lembra, ademais, que se deben manter as billas pechadas nos momentos nos que non sexa estritamente necesario o uso da auga. Tamén insiste en que se deben revisar as instalacións particulares para evitar posibles fugas domésticas.
A alcaldesa pide aos residentes en Meis que sexan responsables por este ben común.