Queixas pola retirada do paso de peóns situado na PO-550 ao seu paso por Meaño
Por Redacción
Residentes en Coirón, na parroquia de Dena, en Meaño están molestos pola decisión de eliminar o paso de peóns que permitía cruzar a PO-550.
Este paso de peóns, situado á altura da saída da Casa Portuguesa, era moi empregado tanto polos escolares para ir ao colexio ou ao campo de fútbol como por persoas de idade avanzada que pasean por esta zona.
Os veciños instalaron un cartel de protesta nos valos situados na zona onde os operarios eliminaron este paso de peóns.
O BNG de Meaño tamén mostrou a súa oposición a esta retirada e esixen que se repoña xa que é moi transitado nunha zona de percorrido habitual.
Segundo indica a formación nacionalista trasladará a protesta veciñal ao pleno da corporación e á Xunta de Galicia.