Concentración convocada por CGT en repulsa pola morte de inmigrantes na fronteira hispano-africana
Por Anxo Lourido
Coa intención de manifestar e facer público o rexeitamento e a indignación ética e social ante o que sucede na "homicida fronteira hispano-africana", a CGT convocou unha concentración para este xoves 3 de agosto, a partir das 19.30 horas, na praza da Peregrina de Pontevedra.
Os convocantes denuncian que só en 2023, desde xaneiro a xullo, o roteiro marítimo no Atlántico, entre Canarias e África, levou máis de mil vidas. Indican que é unha repetida traxedia que non mereceu a mínima consideración de ningún dos candidatos ao goberno de España.
A CGT denuncia que o 16 de xullo, a Comisión Europea, baixo a Presidencia española, propuxo que o "acordo para o control migratorio" alcanzado e asinado ese día co goberno de Tunes sirva a toda a Unión Europeo como "modelo" aimpulsar con outros países do norte de África.
O modelo, segundo este sindicato, ofrece inxentes cantidades de diñeiro aos gobernos deses países africanos para que "actúen sen escrúpulos" como "gardiáns da fronteira da UE" e poidan afastar os cemiterios de "inmigrantes asasinados o máis lonxe posible dos ollos da poboación europea".
Entre as últimas traxedias sinalan o naufraxio dunha patera o 21 de xuño con rumbo a Canarias co falecemento de 36 persoas, que permaneceron á deriva durante máis de dez horas, pese ao aviso dun helicóptero de rescate fronteirizo español.
O 1 de xullo producíase un novo naufraxio na ruta migratoria cara a Canarias co falecemento de polo menos 51 persoas, entre elas once mulleres e tres nenos. Permaneceron oito días nunha lancha pneumática á deriva.
Por estes motivos, a CGT-Pontevedra anima as organizacións do movemento social e solidario pontevedrés a sumarse á concentración en réxime de autoconvocatoria e micro aberto.