![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/068/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/64d0c61a16-reunion-fundacion-alexandre-boveda.jpeg)
© Deputación de Pontevedra
A Deputación e a Fundación Alexandre Bóveda colaborarán para pór en valor a figura do ilustre galeguista
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, e o representante da Fundación Alexandre Bóveda, Valentín García Bóveda, mantiveron este luns unha reunión no Pazo provincial para "explorar posibles vías de colaboración co obxectivo de salvagardar a figura do histórico político pontevedrés".
Trátase ademais dun encontro significativo, xa que é a primeira reunión do vicepresidente trala delegación das súas áreas, neste caso como responsable do departamento de Memoria Histórica da Deputación.
Rafa Domínguez confirmou que a próxima semana participará nos actos do ‘Día da Galiza Mártir’, que se celebran todos os 17 de agosto na Caeira en homenaxe ao político como símbolo das persoas que sufriron a represión franquista.
O vicepresidente Domínguez amosou o seu compromiso co fomento e a difusión da historia de Alexandre Bóveda, así como a "reforzar o compromiso da institución provincial coa Fundación que leva o seu nome e que traballa activamente na salvagarda da súa figura".
Segundo informou o gabinete de comunicación, durante o encontro, o vicepresidente provincial sinalou que a Fundación Alexandre Bóveda "desempeña un papel fundamental na preservación cultural galega", e asegurou que "a Deputación de Pontevedra apoiará o seu labor para garantir a conservación da riqueza cultural que define a Galicia e á provincia de Pontevedra".
Tal como garantiu Rafa Domínguez, a colaboración entre a Deputación de Pontevedra desde o gabinete que el lidera e a Fundación Alexandre Bóveda "contribuirá a dar unha maior visibilidade á historia de Bóveda a nivel local e internacional".