O BNG de Marín pide a mellora da accesibilidade nas liñas de autobús
Por Redacción
A portavoz municipal do BNG en Marín, Lucía Santos, trasladou na pasada Comisión Informativa de Seguridade e Mobilidade, o incumprimento do Plan de Transporte Público de Galiza por parte da empresa de transportes Monbus, ao non garantir a accesibilidade nas liñas de transporte urbano de Marín a Cangas así como no servizo de liña de praias.
Segundo Lucía Santos, que recolle as queixas de varias persoas usuarias, as persoas con problemas de mobilidade que precisan o uso de transporte adaptado deben comunicalo á empresa de transporte con 24 horas de antelación. Santos asegura que “esta medida é totalmente discriminatoria e vai contra a integración social das persoas con discapacidade”.
A nacionalista lembra que “o Plan de Transporte Público de Galiza recolle na memoria de pregos de condicións, como requisito esixido, garantir a accesibilidade aos vehículos de transporte público das persoas con mobilidade reducida, polo que estas rutas deberían contar con transporte adaptado sen ter que comunicalo con antelación”.
A voceira do BNG solicitou ao Presidente da Comisión Informativa, Francisco José Estévez Salazar, que dea traslado desta incidencia tan grave á empresa Monbus de cara a garantir que todas as rutas conten con vehículos adaptados e así contar cunhas liñas de transporte público que garantan a mobilidade a todas as persoas sen exclusións.
Relacionadas:
-
Os atrasos nas rutas dos buses entre Marín e Pontevedra chegarán ao Parlamento Europeo
Por Redacción |
-
A Xunta habilitará desde o luns un autobús de reforzo a primeira hora entre Bueu e o CUVI
Por Redacción |
-
Acusan a Monbús de provocar unha "situación de caos e incerteza" na ruta ao instituto de Poio
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Marín constata un elevado uso do coche particular para pequenos traxectos e un interese crecente pola bicicleta
Por Redacción |