Tradición, gastronomía e deporte únense nunha fin de semana festiva en Ribadumia
Por Redacción
O Concello de Ribadumia ten todo preparado para celebrar esta fin de semana a vixésima Festa do Pan do Salnés e o trixésimo primeiro Trofeo Concello de Ribadumia. Dous eventos de gran traxectoria e relevancia tanto para a veciñanza do municipio como para os visitantes.
O sábado 12 de agosto, a Carballeira de Ribadumia acollerá a celebración da Festa do Pan a partir das 17 horas, cando se comezan a recoller as sobremesas caseiras e empanadas presentadas aos concursos. Ás 18.30 horas terá lugar un obradoiro infantil para coñecer a tradicional elaboración do pan, con entrada totalmente libre sen inscrición previa.
Unha hora máis tarde farase unha viaxe ao pasado mediante o espectáculo ‘Muiñada’, que permitirá coñecer as orixes e non deixar morrer a memoria dos avós e avoas. Logo todos os asistentes sairán cara os Muíños do Batán acompañados do grupo Xironsa, onde se representará unha obra teatral a cargo do grupo Alecrín antes da mostra de elaboración tradicional da moenda de millo.
Pola noite, ás 22 horas está prevista a volta á Carballeira de Ribadumia para gozar da cea de confraternidade a prezos populares, a entrega de premios dos concursos, inchables para toda a familia e posterior verbena a cargo do Dúo La Mecánica. Á medianoite degustarase queimada de forma gratuíta.
O domingo 13 de agosto o contexto muda totalmente e o Concello de Ribadumia celebrará o torneo de fútbol XXXI Trofeo Concello de Ribadumia, que enfrontará ó Umia CF, o CD Ribadumia e o Xuventude de Sisán CF nun torneo triangular. Desde as 19 horas, no Campo de Fútbol A Bouza (Barrantes) poderase gozar deste espectáculo deportivo que unirá a todos os afeccionados ao fútbol do municipio.
Ambos os dous eventos encherán Ribadumia de diversión e entretemento, e os asistentes poderán gozar da gastronomía, a tradición, representacións teatrais e obradoiros, finalizando a fin de semana con este torneo para celebrar o fútbol, o deporte base e o deporte ribadumiense con toda a veciñanza.