Resucita a polémica entre o PP e o PSOE polo uso do Castelo de Soutomaior, do "chiringuito" de Carmela Silva ao "rancor" de Luisa Piñeiro
Por Natalia Puga
A ex presidenta da Deputación de Pontevedra e presidenta do PSdeG, Carmela Silva, acusa ao PP de usar o Castelo de Soutomaior "como se fora o seu chiringuito" mentres que a secretaria xeral do PP na provincia, Luisa Piñeiro, ve nas súas palabras "rancor" por perder o Goberno provincial.
Son os dous últimos episodios dunha polémica recentemente resucitada entre o PP e o PSOE polo uso do Castelo de Soutomaior para o acto oficial de apertura do curso político do PP nestas instalacións. Hai sete anos, a Deputación bipartita de socialistas e nacionalistas prohibiu aos 'populares' celebrar alí a súa cita anual e a polémica non se fixo esperar. Agora que recuperaron a Deputación, regresan alí e a controversia resucitou.
Carmela Silva preguntouse a través da súa conta na rede social X "Que lle parecería ao PP que o goberno de Vigo fixera un acto do PSdeG no Pazo de Castrelos? Ou o PSOE no Museo do Prado? Qué estarían a decir os medios de comunicación da dereita? Pois é o que fan no Castelo de Soutomaior que non é do PP. É da cidAdanía. Non é seu. É de todos/as".
Engadiu, ademais, que o seu goberno provincial adicaba o Castelo de Soutomaior "á promoción da cultura, a reivindicar a súa historia, a promover a igualdade creando a escola María Vinyals, a promover o turismo histórico, natural e científico, a aumentar o número de visitas", mentres que o PP o usa, na súa opinión, como un "chiringuito".
Luisa Piñeiro non deixou agardar a resposta e garantiu o estrito cumprimento da normativa e da ordenanza de usos do Castelo de Soutomaior. Así, nun comunicado explicou que a súa formación solicitou o espazo polos métodos regulamentarios e nos prazos establecidos, conta con dous informes favorables dos servizos técnicos provinciais de Turismo e Medio Ambiente e "cumpre escrupulosamente" co recollido na ordenanza de usos deste monumento aprobada en novembro de 2018, que non prohibe a celebración de actos políticos e só os limita ao interior do castelo.
Piñeiro acusou a Carmela Silva de "mentir" e insistiu en que o recinto "agora si que é de todos, agora si que pode ser empregado por toda a cidadanía grazas ao novo tempo aberto na Deputación de Pontevedra co presidente Luís López, que se contrapón claramente, e por fortuna, aos vetos e prohibicións arbitrarias impostas polo PSOE desde o organismo provincial".
A número 2 do PP provincial tamén sinalou que "Carmela Silva non está lexitimada para falar de chiringuitos" porque "o maior exemplo de chiringuito que hai na provincia tena de protagonista, posto que considera que a sede da Deputación en Vigo é súa, ocupe o cargo que ocupe, e non dubida en desafiuzar a quen sexa con tal de manter o seu despacho na cidade".