A AECC atendeu a 80 persoas en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e a concelleira Maite Pichel reuníronse con membros da Asociación Española de Loita contra o Cancro para analizar as actuacións da entidade no municipio e comprometerse a estudar a forma de mellorar de cara o ano 2024.
Segundo os datos ofrecidos pola AECC, o pasado ano no Concello de Cerdedo-Cotobade foron atendidos 80 veciños e veciñas da zona a través dos programas de atención social, psicolóxica, voluntariado e logopedia.
Estas persoas acudiron á entidade para realizar consultas en materia de información e orientación en axudas económicas, préstamos de material, inserción laboral e programa de alimentos. Tamén recibiron atención psicolóxica e realizáronse intervencións a pacientes e familiares en hospitais a través dos voluntarios que coordina esta asociación en Pontevedra.
Desde o Concello comprometéronse a estudar unha fórmula de colaboración estable e permanente no tema co fin de mellorar a asistencia desta entidade a persoas e familiares afectados por esta enfermidade e que queiran recorrer aos seus servizos así como axudar na posta en marcha de obradoiros durante o ano 2024.
Ademais, a Asociación Española de Loita contra o Cancro presta servizos de logopedia a pacientes con cancro de cabeza e/ou pescozo completando deste xeito o servizos de axuda e colaboración gratuíta coas persoas que padecen esta doenza. Entre os servizos gratuítos que ofrece a Asociación están a atención social, o apoio psicolóxico, o programa 'Volver a falar', deshabituación tabáquica, investigación e voluntariado.
O alcalde Jorge Cubela salientou o importante labor social que presta esta asociación non só aos veciños e veciñas de Cerdedo-Cotobade senón á sociedade española para reducir o impacto causado polo cancro e mellorar a calidade de vida das persoas, tanto dos pacientes como dos seus familiares.