Reclaman a ampliación do comedor do colexio CPI Alfonso VII de Caldas
Por Redacción
O director e representantes do ANPA do Colexio CPI Plurilingüe Alfonso VII, situado en Caldas de Reis, mantiñan este mércores un encontro con César Pérez Ares, xefe territorial en Pontevedra da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. Durante a reunión trasladaban a demanda da comunidade escolar consistente na ampliación do actual comedor buscando solucións inmediatas para este curso como a instalación dun módulo que permita dar cobertura ao alumnado que utiliza este servizo.
Actualmente, o comedor que xestiona a Xunta conta con 96 usuarios, segundo a propia Consellería de Educación, nun centro escolar que supera os 450 estudantes.
Durante a reunión atopábanse presentes o inspector do centro e representantes da Unidade Técnica da Xefatura Territorial. Os técnicos expuxeron que o centro linda cunha carballeira e cun cemiterio, estes espazos complican a ampliación do recinto do comedor, segundo trasladouse na reunión.
Pérez Ares comprometeuse, en todo caso, a solicitar ao Concello de Caldas que emita un informe sobre a viabilidade urbanística desta actuación. No caso de que o informe municipal sexa favorable estudarase a posibilidade de acometela, segundo indicaron os representantes da Xunta.
Ao longo do encontro tratáronse outras necesidades de mellora do centro escolar, cuestións que tamén se tratarán este mércores con representantes do CEIP Plurilingüe San Clemente de César, tamén do municipio de Caldas.
Desde a Xunta indican que nos últimos anos investiuse na mellora dos centros de estudo de Caldas máis dun millón de euros, no que se inclúe a rehabilitación integral do CPI Plurilingüe Alfonso VII.