Máis de 8.500 persoas visitaron o illote de Areoso no primeiro verán con sistema de control
Por Redacción
Máis de 8.500 persoas visitaron este verán o illote de Areoso, no municipio pontevedrés da Illa de Arousa, que este verán estreou un sistema de control para regular e ordenar os desprazamentos a este espazo natural.
Este sistema funcionou "con normalidade e sen grandes incidencias", segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que visitou este luns este enclave para facer balance do operativo posto en marcha pola Xunta de Galicia.
A afluencia media de visitantes a este illote foi dunhas 123 persoas diarias.
Sete de cada dez persoas que se desprazaron ata esta zona natural fixérono, segundo os datos das autorizacións concedidas, en embarcacións sen motor, sobre todo piraguas, mentres que un 20% fíxoo en barcos motorizados
O 10% dos visitantes restantes optaron por fondear nas augas que rodean o illote.
Aínda que durante as primeiras semanas de xullo o ritmo de autorizacións emitidas foi algo menor, coincidindo coa posta en marcha do novo sistema e da aplicación dixital para tramitar os permisos, en agosto detectouse un incremento das solicitudes.
Así, no período comprendido entre o 3 e o 27 de agosto completouse todos os días a cota máxima de visitantes, fixada en 150 persoas repartidas en tres quendas horarias, algo que tamén ocorreu puntualmente "algún día illado" durante as fins de semana de finais de xullo.
A conselleira detallou, con respecto ás horas de visita, "con diferenza" a quenda máis solicitada foi o segundo, que permite acceder ao illote entre as 13:00 e as 17:00 horas, seguida da terceira e última franxa horaria dispoñible, desde as 17:00 horas ata o atardecer.
A orde que establece as normas relativas ao uso público e as actividades recreativas nos illotes dos Guidoiros -do que forma parte o Areoso- e na Illa da Rúa, entrou en vigor o pasado 4 de xullo, tras un longo proceso de tramitación administrativa.
A través desta normativa quedan limitadas a 150 persoas diarias as visitas permitidas no illote arousán a través de tres quendas, cada unha das cales permite unha afluencia máxima de 50 persoas.
Hai permisos para fondear barcos (permítense vinte autorizacións por quenda), para atracadas con embarcación con motor (dez solicitudes por franxa horaria) e para atracada con embarcación sen motor (un máximo de doce por quenda).
Esta medida, lembrou Ángeles Vázquez, adoptouse ante ao aumento detectado nos últimos anos na afluencia de visitantes a esta zona, que se enmarca dentro da zona de especial conservación do complexo Ons-O Grove.
O obxectivo da súa posta en marcha foi o de impulsar unha mellor regulación para conservar os seus valores ambientais sen renunciar ao seu uso e goce público.
Relacionadas:
-
O illote Areoso recibe 5.000 visitas desde que en xullo se implantou o control de accesos
Por Redacción |
-
Entra en vigor a regulación de usos, actividades e cupo de visitas no ámbito de Areoso
Por Alejandro Espiño |
-
Retiran máis de dúas toneladas de residuos do fondo mariño do Areoso
Por Redacción |
-
Máis visitantes e un menor tempo de estancia, os 'retoques' ao plan de usos do illote de Areoso
Por Redacción |