Un cliente péchase nas oficinas de GasNatural Fenosa: "Estoy reclamando para que me cobren. No me cobran y me cortan el gas"
Por Anxo Lourido
José Manuel Duarte é un coñecido policía local de Pontevedra, que anteriormente ocupou o cargo de sarxento do mesmo corpo en Cambados. Nesta localidade comprou un piso novo e, a finais de xuño de 2013, Duarte contratou con GasNatural Fenosa a subministración do servizo de gas. Non obstante, a empresa non lle pasou ningunha factura polo consumo que estaba a realizar a inquilina á que alugara o piso. A causa encontrábase en que GasNatural Fenosa continuaba emitindo as facturas a nome da empresa promotora da construción.
Ante esta situación, José Manuel Duarte comunicou a GasNatural Fenosa en setembro de 2013 o problema que había coa facturación e dende a entidade sinaláronlle que se trataba dun erro, aínda así recibe unha nova factura a nome da promotora. Vendo que o problema non se daba solucionado, decide comparecer nas oficinas da entidade en Pontevedra, onde lle indican que a mellor solución é que pague as facturas do gas a nome da promotora. Pero o cliente négase porque entende que o lóxico é que figure ao seu nome.
En outubro, a empresa envíalle un aviso porque teñen previsto cortalo a subministración por non pagamento. Ante esta situación, José Manuel Duarte volve poñerse en contacto coa oficina pontevedresa na que contratou o gas e presenta, ademais, unha reclamación en consumo. Nesta ocasión, dende a empresa confírmanlle que non ten ningunha débeda con GasNatural Fenosa e que, polo tanto, non van cortarlle o gas. Non obstante, o problema de facturación segue sen resolverse e a principios de xaneiro comunícanlle que descoñecen "si se debe a un problema informático o humano" pero que para intentar resolver a situación deron de baixa o anterior contrato para establecer un novo a través do cal tería que aboar os 300 euros que foran reclamados anteriormente á promotora.
José Manuel Duarte pensou que con esta solución que lle presentaba a empresa quedaría solucionado o problema. Non obstante, na mañá deste venres 24, a inquilina que reside no seu piso en Cambados comunícalle que lle cortaron o gas. Cando se pon en contacto con GasNatural Fenosa indícanlle que o corte se produciu por non pagamento. Ante a impotencia que lle provoca esta situación, o policía local que se encontra de baixa e se ve obrigado a camiñar apoiado nunha muleta, decide trasladarse á oficina situada na rúa Uxío Novoneyra para esixir explicacións. Alí dinlle que llo solucionarán a próxima semana. "Me dicen que no debo nada, pero mi inquilina no tiene gas y me amenaza con marcharse", explica José Manuel Duarte sen dar crédito a esta desorde administrativa. Por ese motivo, adoptou a decisión de quedar nas instalacións ata que lle resolvesen o problema. E, desta forma, non saíu da oficina cando as instalacións se pecharon ao pública durante o mediodía.
"Me dicen que no debo nada, pero mi inquilina no tiene gas y me amenaza con marcharse"
"Llevo siete meses reclamando para que me cobren. No me cobran y me cierran el gas. Es increíble" comenta o afectado, que engade: "en la oficina me indican que no aparece el nuevo contrato. La comercializadora dice que es culpa de la distribuidora y la distribuidora alega que es culpa de la comercializadora".
Por fin, despois de oito horas nas instalacións, ás 20:00 horas, cando estaba a punto de pecharse a oficina de Pontevedra, a inquilina chámao para comunicalo que ten aperecido un técnico de GasNatural Fenosa na vivenda e, pouco despois, o servizo volvía funcionar. "Dende a empresa intentaron alegar que o problema era da caldeira, cando é mentira porque a min me dixeron que mo cortaban por non pagamento e a caldeira está perfecta", sinala Duarte notablemente enfadado. "A ellos lo que les asusta es que esto tenga repercusión en los medios de comunicación, porque temen que otros afectados se les planten en las oficinas", indica o cliente.
Ante esta lea surrealista, Duarte xa avanza que está a estudar presentar unha demanda civil contra GasNatural Fenosa se a empresa non resolve a titularidade do servizo e lle volven cortar o gas: "Presentaría una demanda porque voy a perder unos ingresos y todo esto me está generando unos gastos".