Detido un sospeitoso de trapicheo en Marín xusto antes dunha venda de cocaína
Por Natalia Puga
A Policía Nacional dá por desarticulado un punto negro de venda de drogas en pleno centro de Marín tras a detención dun home sospeitoso de dedicarse ao trapicheo de substancias xusto cando ía realizar unha venda.
Axentes da Policía Nacional de Marín detiveron este home como presunto responsable dun delito contra a saúde pública na súa modalidade de tráfico de drogas e trasladárono a dependencias policiais.
Segundo a información facilitada pola Comisaría Provincial, o autor dos feitos foi localizado nas inmediacións dun coñecido punto negro de venda de drogas polo miúdo. Os axentes sorprendérono xusto antes de levar a efecto unha transacción de droga a un comprador.
Os axentes estaban a realizar tarefas de seguridade cando observaron como chegaba ao lugar un individuo que, ao decatarse da presenza policial, tratou de fuxir do lugar.
Lograron interceptalo e identificalo e, tras realizarlle un cacheo, localizaron ocultas nun recipiente entre a súa roupa trece papelinas con diferentes cantidades de droga e unha relevante cantidade de diñeiro en metálico.
En concreto, eran nove papelinas de cocaína e catro de heroína. Segundo a Policía Nacional, estaban "claramente dispostas e preordenadas para a súa distribución ilícita".
Esta actuación enmárcase no plan operativo de resposta policial ao tráfico retallista e consumo de drogas, que ten como obxectivo principal a erradicación dos puntos negros de distribución de estupefacientes polo miúdo existentes en Marín.