O PP demanda a creación dun plan de mantemento das instalacións deportivas municipais
Por Oskar Viéitez
O concelleiro e responsable da área de Deportes do Partido Popular de Pontevedra, Guille Juncal, solicitou ao goberno local a creación de un plan de mantemento de instalacións e equipamentos deportivos. Unha proposición que defenderá no pleno municipal do 25 de setembro.
O PP considera "necesario" cambiar o modelo de xestión cara a outro "máis sostible, máis seguro e máis eficiente", segundo defendeu Guille Juncal "que prolongue a vida útil dos bens á vez que garanta as mellores condicións de uso e seguridade", definiu o edil popular a propósito da "insatisfacción e queixas dos usuarios".
Juncal lamentou que "estas premisas non sexan compartidas polo Concello de Pontevedra", ao que acusa de levar moitos anos "descoidando as dotacións deportivas da cidade e limitando o seu traballo a custosas e escasas correccións que poñen en risco a integridade física dos deportistas e o desenvolvemento habitual de competicións que están programadas".
Neste sentido, o concelleiro puxo de exemplo a suspensión de partidos no Pavillón Multiusos durante a tempada pasada, o estado "lamentable" do campo de fútbol Manolo Barreiro ou as pingueiras noutros pavillóns como o de Marcón "onde literalmente chove dentro".
A proposta do PP para este plan de mantemento baséase en mellorar a calidade do servizo, así como a seguridade e hixiene das instalacións e equipamentos deportivos, reducir as incidencias que poidan xurdir, conseguir unha rápida resposta ante posibles contratempos, alongar a vida útil dos bens municipais e aforrar nos custos económicos que lle supoñen ao Concello.
Guille Juncal recalcou que se trata dunha proposición construtiva, destinada a mellorar a situación do deporte en Pontevedra, co "sincero interese por mellorar esta cidade".
Relacionadas:
-
O debate pola amnistía embaza a concordia do pleno municipal
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra apraza a celebración do pleno municipal pola Gran Final das Series Mundiais
Por Oskar Viéitez |
-
Retiran para a súa revisión as porterías das pistas de Monte Porreiro tras caer unha sobre un neno
Por Natalia Puga |