Un pontevedrés decátase de que é vítima dunha estafa porque lle denegan un crédito por figurar na lista de morosos
Por Natalia Puga
A Garda Civil de Pontevedra logrou esclarecer unha estafa da que foi vítima un pontevedrés a través da súa tarxeta de crédito. A estafa ascendeu a 4.000 euros e un dos aspectos máis curiosos do caso é a forma na que se decatou do que ocorreu, pois lle denegaron un crédito porque figuraba nunha lista de morosos.
Este pontevedrés presentou denuncia por estes feitos en outubro de 2021 porque quixo contratar un préstamo nunha entidade bancaria e atopouse coa negativa. Ao preguntar o motivo, explicáronlle que estaba rexistrado como moroso e que a débeda contraída ascendía a 4.000 euros.
A débeda correspóndese cunha tarxeta de crédito da que é titular, coa que se efectuaron diferentes pagos.
O Equipo de Investigación Tecnolóxica (EDITE) da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra puxo en marcha a operación 'Goldes Express' e pescudou que os cargos da tarxeta corresponden ao pago de establecementos de comida rápida e unha clínica veterinaria.
Unha vez realizados os estudos pertinentes sobre os datos de conexión e as liñas vinculadas, descubriron "sen ningún xénero de dúbida" a identidade do autor.
O suposto estafador resultou ser un veciño de Valladolid de 25 anos de idade ao que se investiga como suposto autor dun delito de estafa e falsificación de documento público.