Elevan a 15 os detidos na última operación contra o tráfico de haxix e cocaína e incautan tamén MDMA e marihuana
Por Natalia Puga
A operación antidroga desenvolta esta semana na provincia de Pontevedra e Andalucía pechouse finalmente con 15 detidos, dous máis das 13 iniciais. Deles, oito ingresaron en prisión e sete quedaron en liberdade con cargos.
A Garda Civil fixo balance este venres da operación, bautizada 'Brown Cod', e que o Equipo de Delincuencia Organizada e Antidroga (EDOA) da Garda Civil explotou o pasado martes 12 de setembro.
En total, realizáronse 15 rexistros nos distintos domicilios dos investigados e nas localizacións onde se custodiaría o estupefaciente, nas localidades de Cangas, Vigo, Mondariz, Sanxenxo, Vilanova, Vilagarcía e Córdoba.
Dirixida polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Cangas do Morrazo, esta operación estivo centrada nunha organización criminal asentada principalmente na comarca do Morrazo, aínda que con conexións por outros puntos da península.
A rede desarticulada estaba centrada na distribución de substancias estupefacientes e, en particular, de haxix e cocaína, aínda que os rexistros realizados durante a operación tamén permitiron aos investigadores incautar outras substancias como MDMA e marihuana.
Segundo o balance oficial, interviñeron 4 kilos de cocaína, 340,8 quilos de haxix, medio quilo de MDMA, unha plantación con 2.000 plantas de marihuana e 50 quilos de substancias de corte. Tamén interviñeron 505.485 euros en metálico, dous carabinas de aire comprimido un silenciador, munición de diversos calibres, equipos informáticos e teléfonos móbiles.
As investigacións iniciáronse a principios de 2023 e pescudaron que a rede contaba cunha canle de chegada de estupefacientes de forma periódica, os cales eran recibidos en diversos inmobles de seguridade situados na comarca do Morrazo.
Esta organización contaba con ramificacións en distintos puntos da provincia, que lle posibilitaban contar cunha canle permanente de distribución de estupefacientes e tamén varios integrantes asentados na zona sur de España que se encargaban de transportar o haxix que logo se custodiaba nas citadas localizacións de seguridade.
O martes frustrouse un transporte de 194 quilos de haxix e foron detidas as persoas que se desprazaron desde o sur da península, empregando dous vehículos, un deles a modo de lanzadeira.
Relacionadas:
-
Unha operación contra o tráfico de cocaína con 10 detidos en Galicia recala na Caeira
Por Natalia Puga |
-
Prisión para sete dos detidos na última operación contra o tráfico de haxix e cocaína
Por Redacción |
-
Trece detidos, 12 deles en Pontevedra, nunha nova operación contra o tráfico de haxix e cocaína
Por Natalia Puga | Creada e actualizada