Os MIR fórmanse na atención inicial de pacientes con patoloxías críticas
Por Redacción
Os médicos internos residentes (MIR) que se están a formar na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés participan no Curso de Soporte Vital Avanzado. Esta actividade docente de 20 horas presenciais conta co aval científico do Plan Nacional de Reanimación Cardiopulmonar da Sociedade Española de Medicina Intensiva, Críticos e Unidades Coronarias, o Consejo Español de RCP e a European Resuscitation Council.
Unha das dinámicas desta actividade céntrase na realización de numerosas simulacións prácticas interactivas que analizan as atencións iniciais a pacientes con patoloxías críticas. Así mesmo, o programa deste curso incide no estudo e aplicación interactiva por parte dos médicos internos residentes doutros protocolos asistenciais efectuados a pacientes con síndromes coronarias agudas e situacións especiais dos doentes críticos.
A formación para os Residentes remata cunha avaliación global teórica e práctica polos facultativos docentes, que se complementa coa execución de novas simulacións, nas que se supervisa a eficacia e calidade das técnicas aplicadas.
Estas formacións son impartidas por facultativos do servizo de Medicina Intensiva (UCI) instructores de Reanimación Cardiopulmonar do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, coordinados polo doutor José Luís Martínez Melgar e pola Comisión de Docencia do Complexo pontevedrés.
Este mércores remataba a primeira edición do Curso de Soporte Vital Avanzado, que terá unha segunda quenda a próxima semana e unha terceira no mes de novembro.