Impulsan unha nova iluminación e unha mellor sinaléctica para os petróglifos de Mogor
Por Redacción
A finais de outubro. Esa é a data na que o Concello de Marín prevé ter rematadas as obras que se están executando no centro de interpretación dos petróglifos de Mogor, que buscan revitalizar a riqueza arqueolóxica de todo este ámbito patrimonial.
"O obxectivo desta actuación é converter os petróglifos de Mogor nun referente patrimonial e turístico", explicou a concelleira de Patrimonio, Beatriz Rodríguez.
As actuacións están centradas na dotación a todo este conxunto arqueolóxico dunha nova iluminación e dun novo equipo de musealización para o centro de interpretación.
Así, o goberno municipal impulsará melloras no espazo verde nos que se atopan estes gravados cunha iluminación que tamén beneficiará á veciñanza e reforzará a sinaléctica en todo o exterior.
Ademais, actuarase dentro do centro para que siga servindo como unha antesala da visita aos gravados, apostando por unha nova proposta museística, con paneis renovados con recursos explicativos, ilustrados e audiovisuais que permitan a mellor comprensión do que se visita.
O proxecto inclúe tamén un levantamento topográfico mediante fotogrametría que permitirá incrementar o coñecemento científico sobre os petróglifos e toda a súa riqueza patrimonial.
A concelleira explica que este proxecto estase realizando ao abeiro dunha subvención de Turismo de Galicia ao 90%, a través dos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, financiado polos fondos europeos Next Generation.
Relacionadas:
-
A Xunta porá en valor o castro de Cividá e o petróglifo de Pedra dos Mouros
Por Oskar Viéitez |
-
Campo Lameiro conmemora o Día Europeo da Arte Rupestre
Por Redacción |
-
Organizan visitas guiadas a petróglifos pola noite
Por Redacción |
-
Os petróglifos de Mogor reactivan as visitas guiadas coa chegada do verán
Por Redacción |
-
O Concello contrata os servizos turísticos e arqueolóxicos para a xestión dos petróglifos de Mogor
Por Redacción |