Alertan de desprendementos de pedras na PO-223 en Xeve
Por Oskar Viéitez
Os veciños do lugar de Fragoso en San Andres de Xeve, móstranse preocupados polo estado da estrada PO-223 entre Pontevedra e Campo Lameiro xusto no quilómetro 7 onde "se dan frecuentes caídas de pedras á calzada", algo que "sucede sobre todo cando chove, por ser unha zona húmida e pantanosa".
Alertan de que esta fin de semana "volveron a caer unhas pedras enormes á estrada, e grazas á pronta intervención dos veciños, conseguiron apartalas antes de que se producise un accidente. Que dito sexa de paso, foron varios nos últimos dous anos".
Os veciños de Fragoso lamentan que a Xunta de Galicia, que é a administración responsable da carreta e o seu coidado, "fai caso omiso ás moitas reclamacións que os veciños veñen facendo desde hai anos".
Lembran que "fai uns 25 anos, cando se actuou e arranxaron esta carreta a Campo Lameiro", pero que "deixaron sen terminar neste lugar concreto o muro de contención".
Os veciños fixeron escritos e denunciado esta situación, "pero cada vez é peor".
Por iso piden que a Xunta actúe e realice un muro de contención ou amplíe o espazo para cando se dean estas caídas. "Porque calquera día van producir moi graves consecuencias", advirten.