Os adolescentes fórmanse para "tomar decisións en liberdade" ante o consumo de alcohol, drogas ou Internet
Por Redacción
Un total de 3.200 alumnos de Primeiro a Cuarto da ESO de todos os centros educativos de Pontevedra empezaron xa a recibir formación e información dentro do Plan de Prevención de Condutas Aditivas. O obxectivo é crear unha xeración de adolescentes ben formados que "teñan todos os datos que precisan para que tomen decisións en liberdade e ben tomadas" á hora de afrontar o consumo de alcohol, drogas ilegais e novas tecnoloxías.
"A boa infomación e a boa formación son a clave para o desenvolvemento dunha vida adulta plena e é importante traballar na etapa educativa, en persoas que están adquirindo madurez", explicou a concelleira de Benestar Social Municipal de Pontevedra, Carmen Fouces, para xustificar a importancia deste programa formativo. O proxecto completarase cun estudo sobre os hábitos de ocio dos pontevedreses entre os 14 e os 18 anos.
Fouces visitou este luns os alumnos de Primeiro da ESO do instituto Valle Inclán durante a sesión de prevención do consumo de alcohol e explicou aos alumnos que "se trata de que teñades información boa" nun contexto de sobreexposición á información e que todo tipo de datos que lles trasmitan os seis monitores que asumen o proxecto son "importantes nesta etapa na que aínda estades formándovos".
O programa inlcuye tres sesións de traballo en cada clase de Primeiro e Segundo da ESO de cada instituto e catro sesións na etapa formativa superior. As sesións formativas adáptanse a cada etapa e á idade dos nenos e os hábitos de consumo que xa se detectasen previamente. "Non se trata de transformar os rapaces en anacoretas, pero si que teñan a información correcta, que poidan facer unha vida social normal e rica, pero sana", explica Fouces.
Aos alumnos de Primeiro daranlles formación centrada no consumo de alcohol porque "nesa idade aínda non debería ter demasiado contacto co ámbito do alcohol e o que se trata aquí é de actuar con fins preventivos, antes de que xa se enfronten directamente ao consumo". Transmítenselle conceptos como que é o alcohol, cales son as consecuencias do seu consumo abusivo, como se detecta se unha persoa está a facer abuso ou que saiban a quen poden acudir para que lles bote unha man.
En Primeiro tamén recibirán formación sobre o uso de Novas Tecnoloxías e como previr os riscos dun consumo aditivo. En Segundo centraranse neste ámbito e reforzarase a prevención relativa ao alcohol e en Terceiro e Cuarto a formación xa irá máis dedicada ás drogas ilegais, cannabis e cocaína, respectivamente. Este programa é flexible e se os monitores detectan que cada grupo está a ter contacto con algunha outra substancia ou situación que poida xerar adicción e sobre a que sexa necesario incidir.