Dous peregrinos e un condutor resultan feridos nun accidente con tres vehículos implicados en Caldas
Por Natalia Puga
Dous peregrinos resultaron feridos e tiveron que ser atendidos este mércores tras verse implicados nun accidente con tres vehículos implicados en Caldas de Reis. En total, houbo tres feridos, estes dous camiñantes e o condutor dun dos vehículos accidentados.
Segundo a información facilitada polo Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia, o accidente produciuse sobre as 15.00 horas na estrada N-550 ao seu paso pola parroquia de Arcos da Condesa, en Caldas.
Dous vehículos que circulaban pola N-550 chocaron entre eles e, a continuación, colisionaron contra outro que estaba aparcado. Nun dos coches había dous nenos, un moi pequeno.
Este terceiro vehículo, á súa vez, alcanzou os dous peregrinos. Estaban sentados descansando cando foron atropelados.
Resultaron feridos os dous peregrinos e o condutor dun coche e todos foron trasladados ao Hospital Quirón Salud Miguel Domínguez de Pontevedra.
No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local de Caldas e os voluntarios de Protección Civil de Cuntis.