A intelixencia artificial preséntase como opción formativa e de emprego no Edugal 2023
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot
Este mércores 4 de outubro, o Recinto Feiral do Pazo da Cultura de Pontevedra acolle unha nova edición de Edugal, o salón de oferta de educación e formación de Galicia.
Durante tres xornadas presentaranse diferentes actividades e conferencias co obxectivo de analizar a actual situación formativa e os bancos de emprego previstos no mercado laboral.
O 4 de outubro, Zeltia Lado Lago, directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación da Xunta de Galicia, abrirá ás 11.00 horas este evento coa conferencia titulada 'Ferramenta de intelixencia artificial do servizo público de emprego de Galicia'. Unha hora máis tarde desenvolverase a inauguración oficial coa actuación de estudantes do Conservatorio de Música Manuel Quiroga de Pontevedra.
Durante esa primeira xornada desenvolveranse talleres centrados na intelixencia artificial, a electrónica creativa e a programación coa compañía de software e hardware libre Arduino. Tamén está prevista, a partir das 16.30 horas, unha intervención a cargo de Rosanna López Salgueiro, directora xerente de FUNGATRA, sobre a dinámica de grupos.
A programación continuará o xoves con, entre outras actividades, unha mesa redonda sobre o ensino integrado na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, que dará paso a unha mesa redonda sobre a traxectoria profesional de alumnado do IES Luís Seoane de Pontevedra.
Pola tarde, a partir das 16.15 horas, Sandra Vázquez, secretaria xeral de Igualdade, ofrecerá unha conferencia sobre as competencias brandas no desenvolvemento cotián a través dun encontro en feminino.
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a Fundación Pública Galega da Formación para o Traballo tamén poñerán en marcha talleres nesa xornada sobre Bio-Tech; iniciación á robótica creativa, e deseño de videoxogos.
O venres 6 continuarán os relatorios sobre a decisión de seleccionar unha universidade para a formación e poñeranse en marcha talleres sobre introdución ao modelado orgánico e ao modelado xeométrico 3D e impresión 3D.
Ás 12.00 horas chegará un dos acontecementos máis sorprendentes desta edición coa denominada "batalla de galos", no espazo da Xunta de Galicia, entre varios relatores que ofrecerán un debate sobre emprego, formación e saídas laborais, entre outros temas.
A edición de Edugal 2023 finalizará na xornada do venres ás 15.00 horas.
Relacionadas:
-
A conselleira Elena Rivo destaca en Edugal as claves para desenvolver un emprego con éxito
Por Oskar Viéitez |
-
De adornos de papel a nanosatélites, Edugal exhibe os proxectos dos futuros profesionais da provincia
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Edugal prepara os estudantes a insertarse laboralmente na cuarta Revolución Industrial
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
10.000 persoas visitarán durante tres días as propostas formativas de Edugal no Recinto Feiral
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O "Plan Conecta FP Galicia" celebra o encontro territorial de Pontevedra no CIFP A Xunqueira
Por Álvaro Arosa Barco |
-
Edugal abre as súas portas para construír pontes entre o mundo educativo e o laboral
Por Manu Otero & Mónica Patxot |