A futura adxudicataria do control de pragas en Vilagarcía deberá vixiar a poboación de pombas
Por Redacción
O Concello de Vilagarcía vén de sacar a concurso a contratación do Servizo de Control de Pragas Urbanas no municipio, polo que as empresas interesadas poderán presentar as súas propostas ata o 6 de febreiro.
Entre os traballos a realizar pola adxudicataria están os de desratización ou a desinsectación e control de pombas comúns. Entre as melloras incluídas no prego atópase a realización anual dunha campaña informativa ou de sensibilización da cidadanía.
A contratación deste servizo busca manter baixo control en todo o termo municipal os vectores de contaminación xerados por múridos, microorganismos, insectos, pombas e outros animais que poidan constituír unha molestia ou praga mediante a control axustado das poboacións e, no seu caso, coa eliminación total ou parcial daqueles organismos ou microorganismos con influenza sobre a saúde pública.
O Concello tamén fixa no prego os lugares e puntos que a empresa adxudicataria deberá tratar a efectos de desinfección e desintesectación e que van dende instalacións e edificios municipais ata os vehículos policiais. No apartado de desinfección prevense actuacións de prevención e loita contra a legionella nos lugares nos que sexa oportuno.
A maiores, prevense 20 actuacións máis de desinsectación ao ano nos lugares a determinar polo Concello, medida que ten como obxectivo dar cobertura a casos imprevistos como presenza de pulgas en parques u outras.