As cervexas xa se están enfriando para a novena Oktoberfest de Campelo
Por Redacción
Todo está a punto na Praza da Granxa para acoller esta fin de semana a novena edición da Oktoberfest de Campelo, que encherá a vila de cervexa, de gastronomía, música e numerosas actividades lúdicas e infantís.
A festa da cervexa, segundo explicaron os seus organizadores, a Sociedade Cultural e Deportiva de Campelo, arrancará o venres 6 de outubro, coa apertura da carpa ás 20:00 horas.
Será entón cando se poida comezar a degustar as diferentes variedades de cervexa e as salchichas, codillo e hamburguesas ata ben entrada a noite. Todas estas propostas artesanais incluirán tamén opcións sen glute.
Xa pola noite, o venres actuará La Patrulla Baiona ás 22:00 horas, con versións de cancións en español, mentres que o sábado será a quenda de Pablo Balseiro & Verberian Gipsy Orquestra, á mesma hora.
Desde o remate dos concertos e ata o peche, tanto o venres como o sábado, a festa continuará coa música de DJ Due e, como novidade, este ano inclúese na programación a sesión vermú do sábado, amenizada coa música de Arroutada.
Para os cativos haberá diversas propostas lúdicas coa Oktoberkids o sábado pola tarde, que inclúe xogos populares, inchables e animación, e un servizo de ludoteca os dous días entre as 20:30 e as 1:30 horas.
A organización confirma que habilitará un autobús gratuíto, que partirá desde a igrexa de San Roque de Pontevedra e chegará ata Campelo, pasando por Ferreirós, Combarro e A Seara.
O alcalde, Ángel Moldes, destacou que esta "non é unha simple festa", senón que se trata dun elemento "moi potente de dinamización" para contribuír ao desenvolvemento socioeconómico de Campelo.