Pontevedra bate o seu récord histórico de temperatura nun mes de outubro
Por Diego Espiño
A poucos se lles escapa que as temperaturas rexistradas durante esta fin de semana en Pontevedra e no resto de Galicia son pouco normais.
Tanto é así, que a capital provincial bateu este sábado 7 de outubro o seu récord de temperatura máxima rexistrada nun mes de outubro.
Segundo os datos da Axencia Estatatal de Meteoroloxía (AEMET), o termómetro chegou a marcar este sábado 32,7 graos centígrados na Boa Vila.
Esta cifra supón o valor máximo histórico para un mes de outubro desde que se empezaron a rexistrar os datos no ano 1985, superando os 32,2 graos que se contabilizaron o 14 de outubro de 2011.
O de Pontevedra non é o único caso de novo récord, e é que A Coruña con 33,4 graos e Ourense con 35,3 graos tamén marcaron un novo récord nas estacións meteorolóxicas localizadas nos seus respectivos centros urbanos.