A primeira fase da humanización do paseo marítimo de Raxó estará rematada a finais deste mes
Por Redacción
Antes de que acabe este mes de outubro, o Concello de Poio agarda recepcionar as obras da primeira fase de humanización do paseo marítimo de Raxó.
Así o asegurou o alcalde de Poio, Ángel Moldes, que afirmou que "se o tempo nolo permite" aos traballos na rúa Ramón Encinas xa que lle quedan apenas dúas semanas.
Estas obras, que permitirán recuperar parte da fachada costeira da localidade, supuxeron un investimento de máis de 800.000 euros, dos cales medio millón procederon dunha axuda do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE).
Esta actuación permite ademais actualizar o sistema de saneamento, as pluviais e de telecomunicación desta zona, ademais da pavimentación de 300 metros de paseo con materiais sostibles, así como a creación de dúas zonas exclusivas para peóns.
Unha destas zonas está na parte máis próxima á praia e a outra habilitouse cara as vivendas e os locais existentes na zona.
Unha vez rematados estes traballos, aos que xa só lles resta as tarefas de formigonado, as obras continuarán cunha segunda fase, entre o porto de Raxó e a súa conexión coa PO-308.
Moldes agarda que as molestias para os veciños sexan menores xa que, a diferenza de Ramón Encinas onde só había un único acceso, neste tramo hai tres viais "que nos permiten comunicar a zona e derivar o tráfico sen ningún tipo de problema".