Cerdedo-Cotobade consultará á veciñanza para redactar o seu plan de igualdade
Por Redacción
A través de enquisas dirixidas á veciñanza, o goberno municipal de Cerdedo-Cotobade quere facer unha diagnose do municipio que lle permita impulsar a redacción dun plan de igualdade.
Este documento, que estará subvencionado pola Deputación de Pontevedra, busca determinar as políticas activas para previr o machismo e a violencia de xénero contras as mulleres, ao tempo que se facilita o acceso feminino a todos os eidos da sociedade.
A mostra entre a cidadanía do municipio comezará o vindeiro 18 de outubro na parroquia de Tenorio e os enquisadores farán traballo de campo entre as 9 e as 14:30 horas nas inmediacións do CEIP de Tenorio, na escola infantil, no centrosociocultural e no centro de Saúde.
As seguintes enquisas faranse en Cerdedo, o 26 de outubro, o 8 de novembro en Carballedo e a partir do 18 de novembro realizaranse nas unidades administrativas do Concello.
Ademais, facilitarase a posibilidade de que todo aquel veciño ou veciña que queira aportar a súa experiencia,as súas vivencias e mesmo a súa visión sobre estos temas o poida facer online.
O alcalde, Jorge Cubela, sinalou que este plan de igualdade será a folla de ruta que se marque o equipo de goberno para impulsar políticas activas tendentes a rachar co teito de cristal, previr comportamentos e roles machistas e loitar pola erradicación da violencia de xénero.
"O noso compromiso coas mulleres e coa igualdade forma parte do noso ADN e das nosas políticas activas", destacou Cubela, que considera que este plan de igualdade promoverá a igualdade entre homes e mulleres en todas as facetas da vida.
Entre os obxectivos prioritarios estarán o de fomentar a prevención e corrección de hábitos e comportamentos machistas, favorecer o acceso da muller con plenas garantías a todos os ámbitos da sociedade, promover cursos de formación laboral e dixital para evitar calquer tipo de fenda e liderar políticas de acompañamento e atención ás vitimas da violencia de xénero.