A fonte da Tafona volverá ao seu espazo orixinal no barrio caldense da Ferrería
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis vai restaurar a Fonte da Tafona e devolvela ao seu espazo orixinal no barrio da Ferrería de maneira inminente.
O tenente de alcalde Manuel Fariña anunciou a adxudicación dos traballos á empresa ‘Coto de Uz’ por case 40.000 euros e o inmediato inicio das obras.
A actuación permitirá mellorar o estado da peza e tamén da contorna na que se instalará, creando un novo espazo de encontro e socialización no barrio da Ferrería, á entrada da vila (na unión entre a estrada estatal e a provincial) e no Camiño de Santiago.
O tenente de alcalde explicou que se porá en contacto coa adxudicataria para acelerar o inicio das obras o máximo posible e finalizalas obras cumprindo co prazo de execución que esixe a subvención de fondos europeos recibida polo Concello. Explicou o nacionalista que o proxecto da recuperación é obra de Luis Gil Pita, que xa proxectara a mellora doutras fontes na vila.
A fonte da Tafona ou da Ferrería atópase a día de hoxe localizada no paseo da Tafona ao borde do paseo fluvial do río Umia, onde foi trasladada na década dos 90, estando anteriormente no barrio da Ferrería. Agora, explica Fariña, a peza está "desestruturado" do seu tecido e escala natural tanto no que se refire ao seu uso como á súa contorna, o que non permite percibir a calidade arquitectónica e escultórica da fonte.
A proposta pretende recuperar a implantación no seu barrio orixinal no paso inmediato do camiño portugués a Santiago, e tamén conta co respaldo social e veciñal que reclama a volta deste elemento singular etnográfico ao seu lugar de orixe.
"É preciso restaurar e coidar o noso patrimonio cultural. A maioría das fontes da vila datan de principios do XX. Esta non está datada, pero entendemos que é da mesma época, e todas elas conforman un conxunto das ‘Fontes do camiño’ que temos que poñer en valor", dixo Fariña.
Ubicarase na praza confluencia da estrada estatal coa provincial e porá o elemento en equidistancia da igrexa de Santo Tomé e a de Santa María, nun espazo anterior á entrada no núcleo urbano de Caldas e a escasos metros do Concello e Balneario Acuña. Este emprazamento será acondicionado, eliminando os materiais e elementos impropios dun espazo de estancia.
Alí renovarase o pavimento con lousas de pedra, instalarase un novo banco de máis de cinco metros de lonxitude ademais de vexetación, creando un espazo con grande calidade urbana que incita ao encontro e reunión da veciñanza. Explica o responsable nacionalista que a creación e posta en valor de espazos mellorando a calidade urbana de Caldas é un dos eixos que é preciso seguir neste mandato, dignificando áreas que ata o de agora estaban degradadas.
Tamén se instalará unha placa conmemorativa na memoria de María Teresa Fernández y Fernández-Mosquera pola súa xenerosidade na cesión do espazo público no que se ubicará de novo a fonte á veciñanza de Caldas.