O pleno cárgase de contido político con mocións que van desde reclamacións viarias ata a guerra de Israel e Hamás
Por Oskar Viéitez
A xunta de portavoces do Concello de Pontevedra reuniuse este mércores para preparar a orde do día do pleno ordinario do mes de outubro que se celebrará o vindeiro luns 23.
Segundo informou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a corporación abordará a aprobación definitiva da nova ordenanza do taxi que servirá para implementar o denominado "coche de punto" o servizo de transporte público a demanda para zonas que ata o de agora non tiñan cobertura.
Tamén se someterán a debate unha moción do Partido Popular relacionada cun plan de mantemento dos parques infantís, xunto cunha moción de Alcaldía en relación co pacto de Pedre na que se pedirá o apoio aos alcaldes que reivindican a mellora integral da N-541, e tamén pide que as administracións autonómica e central retomen os estudos "para vertebrar o interior da provincia cunha autovía Pontevedra-Carballiño".
Ademais o PP presentará unha moción para que o pleno mostre o seu rexeitamento ante o recurso de inconstitucionalidade presentado polo Goberno central ante a Lei do Litoral para que "reconsidere a súa decisión" e negocie con Galicia; e outra máis con motivo do atentado do grupo terrorista Hamás en Israel e en defensa das axudas de carácter humanitario para o pobo palestino.
O Partido Socialista defenderá unha moción solicitando a creación en Pontevedra dunha unidade especializada no Alzheimer e outras demencias e tamén impulsa unha moción para que a administración garanta o dereito dos avogados e procuradores mutualistas a unha xubilación "digna".