Novo paso para transferir os centros educativos ubicados en Príncipe Felipe da Deputación á Xunta
Por Redacción
Os centros educativos CIFP Carlos Oroza, CEIP Daría González e Centro de Educación Especial Pontevedra, todos localizados na Cidade Infantil Príncipe Felipe, están un paso máis preto de pasar a mans da Xunta de Galicia.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; e o conselleiro da Educación da Xunta, Román Rodríguez, asinaron este venres o protocolo para a transferencia da titularidade dos centros ao goberno autonómico.
O acordo ten como obxectivo guiar a transmisión da titularidade destes tres centros educativos, que aínda pertencen á Deputación, á Xunta de Galicia. Trátase dunha cesión gratuíta para que o goberno galego asuma a completa xestión dos mesmos.
"Este é o primeiro paso para a transferencia", detallou Luis López. Este protocolo servirá para a constitución dunha comisión mixta integrada por dous membros de cada unha das administracións que regularán un procedemento no que tanto a Xunta como a Deputación desexan axilizar en primeiro lugar a cesión do Carlos Oroza.
O presidente da Deputación destacou que o "bo entendemento entre as dúas administracións", que traballan "man a man, con lealdade institucional, transparencia e comunicación" permite ofrecer mellores servizos a veciñanza. Ademais, lembrou acordos recentes como o traspaso da Escola de Cantería ou o Pazo de Lourizán, confirmados durante o anterior mandato do Goberno Bipartito.
“Estamos aquí para dar un novo paso cara adiante, un paso para seguir ofrecendo un servizo educativo e unha atención aínda máis excelente, se cabe, ao alumnado, ao profesorado e ás familias da nosa provincia”, explicou o mandatario provincial.
O acordo asinouse no Carlos Oroza, un centro do que Luís López destacou que é "referencia" na formación de cociñeiros e restauradores, un sector estratéxico para a provincia "capaz de dinamizar o turismo enogastronómico no noso territorio.
A súa cesión ten "visión de futuro porque potenciará e mellorará a xestión das titulacións estratéxicas que se imparten neste centro Carlos Oroza de Pontevedra".
O CIFP Carlos Oroza é un dos 27 centros que conforman a rede de Centros Integrados de FP, e, ademais, este ano vén de ser incluído na Rede Estatal de Centros de Excelencia de FP. É, así mesmo, un centro pioneiro na implantación da FP Dual e un referente nas ensinanzas de restauración e de servizos turísticos.
Co obxectivo de continuar apoiando e blindando a calidade das ensinanzas que se imparten nel, a Consellería de Educación está levando a cabo unhas obras de ampliación das súas instalacións cun investimento de case 3 millóns de euros. A actuación abrangue a construción dun novo edificio de tres plantas para aulas, viveiro de empresas, zona administrativa e vestiarios, ao tempo que se melloran tamén as condicións de eficiencia enerxética e a accesibilidade.
Relacionadas:
-
Recta final nas obras do CEIP Daría González antes de que a Deputación o transfira á Xunta
Por Oskar Viéitez |
-
Encontro do PP provincial con representantes de ANPAS e profesorado para explicar o acordo do sistema educativo
Por Redacción |
-
Apontoan provisionalmente o muro de contención do campo de fútbol do Príncipe Felipe
Por Redacción |