Galegas Dixitais, unha formación para mellorar as competencias de 28 mulleres de Poio
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Un total de 28 mulleres de Poio participan desde este luns nunha formación de dixitalización para mulleres, Galegas Dixitais.
O curso, de balde para as participantes, inaugurouse este luns e impartirase ata o 1 de decembro no Pazo Besada.
O programa formativo inclúe tres bloques temáticos de 40 horas de duración cada un: competencias dixitais básicas, competencias dixitais avanzadas e competencias dixitais para o emprendemento.
A concelleira de Promoción Económica, Maritxe González, explica que o obxectivo é "mellorar a empregabilidade, impulsar o emprendemento e reducir a fenda de xénero".
Ao completar as 120 horas do curso, as participantes recibirán un título oficial acreditativo. Ademais, todas as participantes recibirán gratis un ordenador portátil co que realizar o curso e, unha vez rematado, poñer en práctica o que aprenderon.
Esta formación está impulsada pola Xunta de Galicia e financiada polos Fondos Europeos Next Generation e o Plan de recuperación, transformación e resiliencia, e coa colaboración do Concello de Poio.