Manolo Omil: "Esforceime en dar a mellor imaxe da policía e en servir os cidadáns"
Tras case 34 anos de servizo, ao portavoz da Policía Local de Pontevedra, Manolo Omil, chegoulle a hora de xubilarse. "Tócame pero non porque eu quixese", afirmou no Concello, onde foi recibido polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.
"De momento non sei o que farei. Pero algo farei porque sempre me gustou a actividade e facer cousas", engadiu Omil con respecto aos seus plans de futuro tras o seu traballo na Policía Local, onde entrou no ano 1982. "Estiven oito anos en excedencia", aclara.
O seu labor, explicou o xa ex portavoz policial, "foi entender o traballo dos medios de comunicación e defender a imaxe da policía que, ás veces, non é tan comprendida".
Subliña que "o meu esforzo foi sempre para dar a mellor imaxe da policía e servir aos cidadáns".
Manolo Omil recoñece que a aposta polo modelo urbano da cidade foi "un antes e un despois", tamén para a propia Policía Local, que ata entón estaba afeita preocuparse " do tráfico" e da seguridade "e non tanto dos espazos públicos".
A partir dese momento "todo cambiou e nós tamén". Asegura que, como moitos pontevedreses, "chegamos a ser críticos" con esta evolución da cidade "pero día a día fomos vendo as bondades deste proxecto" co que agora asegura que están "encantados".
Na súa despedida, Fernández Lores destacou que Omil é unha persoa "próxima" e que sempre atende a todo o mundo "con boas palabras". Colaborou, segundo o alcalde, "a facer máis visible e explicar o que se estaba facendo na cidade".
"Imos a botarte de menos porque cando hai unha persoa que lle quere á cidade e traballa por ela hai que aproveitala ao máximo", sentenciou o rexedor pontevedrés, que destacou o "agarimo" que o portavoz policial está a recibir estes días.