A reforma do primeiro treito da PO-546 en Estribela estará rematada en quince días
En apenas quince días, se as condicións climatolóxicas o permiten, estarán terminadas as obras da primeira fase da reforma integral da PO-546 en Estribela, uns 500 metros da rúa Avelino Montero Ríos, desde a rotonda de acceso ao porto.
Alí, segundo detallou o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, invístese ao redor de 1 millón de euros nunha actuación que, ademais de ampliar beirarrúas e reforzar a seguridade viaria desta estrada, permitiu renovar todos os servizos soterrados.
Os tres pasos de peóns que hai neste tramo serán elevados, instaláronse novas marquesiñas para as paradas do autobús e colocarase diverso mobiliario urbano. Para terminar esta obra, salvo algúns retoques, só falta o asfaltado da calzada.
Desde o goberno galego, segundo Reguera, "valoramos positivamente" a transformación que está a experimentar a PO-546, que continuará nas próximas semanas cun novo tramo, o que une a zona recentemente reformada co límite territorial con Marín.
A partir de aí quedarán por rehabilitarse dous tramos en Marín, o ámbito da coñecida como Rotonda das Áncoras e a confluencia coa PO-551, que xa se están tramitando.
Estes tres tramos terán a "mesma filosofía" que o reformado en Estribela, coa mesma sección de calzada, a renovación de todos os servizos, a instalación de nova iluminación, pasos de peóns elevados e a velocidade limitada a 30 quilómetros por hora.
A reforma integral da PO-546 completarase coa actuación prevista nos 6,6 quilómetros entre Mollavao e Os Praceres, que segundo os técnicos da Xunta de Galicia adxudicarase en marzo ou abril e comezará a executarse no segundo trimestre de 2024.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, celebrou os avances que está experimentado esta reforma, que era unha obra "moi demandada" polos veciños de Estribela e na que o acougado de tráfico é un aspecto "fundamental".
"Será un antes e un despois para toda esta zona", destacou Fernández Lores, que lembrou que o Concello asumirá a titularidade deste vial cando estea reformado, momento no que o goberno municipal poderá facer "retoques" a esta actuación.
Relacionadas:
-
Adxudicadas as obras da nova senda na PO-546 no treito urbano de Marín por un millón de euros
Por Redacción |
-
Adxudican a Construcciones Castro Figueiro a transformación integral do treito urbano da estrada PO-546 en Estribela
Por Redacción |
-
Montecelo e a reforma da PO-546, as apostas da Xunta para Pontevedra nos orzamentos para 2024
Por Alejandro Espiño |
-
A reforma da PO-546, entre Mollavao e Os Praceres, licitarase antes de finais de ano
Por Redacción |
-
O aparcamento disuasorio en Lourizán e o tramo de Marín, próximos pasos na humanización da PO-546
Por Redacción |