Un home de Lleida establece unha relación por WhatsApp cun meañés facéndose pasar por unha muller e estáfalle 5.100 euros
Por Natalia Puga
A Garda Civil de Pontevedra mantén como investigado a un veciño de Lleida como presunto responsable dun delito de estafa da modalidade coñecida como 'Romance Scam', na que se fixo pasar por unha muller, estableceu unha relación vía WhatsApp cun veciño de Meaño e estafoulle 5.100 euros.
A investigación comezou o pasado 17 de agosto, cando a vítima, un veciño de Meaño, denunciou no posto da Garda Civil de Sanxenxo.
O home relatou aos axentes que establecera conversación a través de WhatsApp cunha moza e, aos poucos días de falar, ela empezou a pedirlle diñeiro.
Primeiro, pediulle 300 euros para axudar a pagar o alugueiro da súa casa. Máis tarde pediulle outros 500 para o mesmo concepto, aínda que el fíxolle un Bizum e díxolle que non lle había llegagdo, así que lle fixo outro ingreso de 500. Máis tarde pediulle outros 200.
A maior cantidade pediulla días máis tarde, un total de 3.100 euros, que lle dixo que necesitaba para comprar billetes de avión para ir coa súa nai a Inglaterra para operala dun cancro na cabeza. Esa cantidade de diñeiro envioulla por transferencia bancaria.
Esta última transacción fixo sospeitar ao veciño de Meaño e decidiu denunciar. Tras a súa denuncia, a Garda Civil empezou unha investigación e pescudou que a persoa coa que falaba non era unha muller, senón un home, un veciño de Lleida de 25 anos con antecedentes policiais por feitos similares.
En colaboración coa Unidade Orgánica da Policía Xudicial da Garda Civil de Lleida, os investigadores citaron ao sospeitoso nas súas oficinas catalás e notificáronlle a súa condición de investigado. Agora os feitos están en menos do Xulgado de Garda de Cambados.