O PP de Pontevedra propón crear un botón do pánico na cidade para alertar en situacións de emerxencia
Por Redacción
O Partido Popular de Pontevedra, a través da comisión de benestar social e igualdade da agrupación que xestiona a concelleira Silvia Junco, reclama ao goberno local a creación dunha serie de medidas para fomentar a seguridade no municipio.
Entre as propostas, os populares demandan un botón do pánico na cidade que permita avisar fronte a unha situación de emerxencia. A este punto suman a creación de percorridos seguros para reducir "a sensación de inseguridade coa que teñen que lidar moitas mulleres" e promover máis obradoiros de defensa persoal coa idea de dispoñer de ferramentas necesarias para protexerse.
Junco advirte da "falta de alumeado público polas noites en rúas e barrios de Pontevedra" e entende que "acentúa a necesidade de crear percorridos seguros para achegar máis seguridade ás mulleres en determinadas horas e zonas da cidade".
A edil popular lembra que o goberno local ignorou en dúas ocasións a petición para que o xefe da Policía Local participe nunha Comisión de Réxime Interior para evaluar as propostas do grupo do PP.
A concelleira mantivo un grupo de traballo, que denomina "think tank", para analizar a creación dese botón do pánico consistente nunha aplicación de xeolocalización para que as persoas en situación de perigo contacten coa Policía Local sen necesidade de chamar telefonicamente.
O encontro serviu para canalizar as suxestións do equipo de traballo posto en marcha o 29 de novembro de 2022 cun taller de defensa persoal gratuíto no Centro Cultural de Lourizán. Os populares queren repetir esta formación noutra parroquia, aproveitando o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres (25-N).
Relacionadas:
-
Queixas veciñais pola inseguridade que xera a falta de iluminación pública
Por Oskar Viéitez |
-
Os sindicatos policiais reclaman máis seguridade cidadá, máis medios e máis policías
Por Oskar Viéitez |
-
"Contribuímos a proporcionar á sociedade pontevedresa a necesaria percepción de seguridade"
Por Alejandro Espiño |