Os socialistas, "dispostos" a negociar o orzamento municipal pero "sen cheques en branco"
Por Alejandro Espiño
Os socialistas aseguran estar "dispostos" a negociar co BNG o orzamento municipal de Pontevedra para 2024, pero segundo advertiu o seu portavoz, Iván Puentes, non aceptarán calquera proposta porque "non temos dado un cheque en branco a ninguén".
"O único obxectivo desta negociación é cumprir a palabra dada aos veciños e cumprir parte do programa do PSOE que entendemos que temos que ir priorizando desde o primeiro ano de mandato", sinalou Puentes a preguntas dos xornalistas.
Tras a primeira toma de contacto entre ambas as partes, que se produciu o pasado martes, o edil socialista reiterou que a intención do seu grupo será negociar "como sempre facemos", priorizando os intereses dos veciños e veciñas de Pontevedra.
A este respecto, Iván Puentes comprometeuse a que o PSOE elaborará unha relación de propostas "prioritarias" para que se poidan incorporar ás contas de 2024.
O goberno municipal, pola súa banda, remitirá aos socialistas o primeiro borrador do orzamento en canto estea confeccionado, para que estes poida estudar as diferentes partidas que se recollen "e ver as intencións que teñen para o próximo ano", sostivo Puentes.
Relacionadas:
-
Un mantemento "regular, transparente e organizado" de camiños, primeira petición do PSOE para o rural
Por Alejandro Espiño |
-
O Goberno local impulsa uns orzamentos para 2024 "adaptados á inflación, os xuros e os custos de persoal"
Por Natalia Puga |
-
O orzamento de Pontevedra sobe a 119 millóns tras aprobarse unha nova modificación de crédito
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |