Once barcos mercantes solicitan fondeo na ría de Pontevedra ante o temporal deste venres
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
As previsións de forte vento e ondas que superarán os cinco metros de altura durante estas xornadas provocaron que ata un total de once embarcacións mercantes, algunhas de notable tamaño, solicitasen á Autoridade Portuaria de Marín fondear na ría de Pontevedra na procura de acubillo á espera de que a situación meteorolóxica mellore.
Segundo informan desde a Autoridade Portuaria trátase dun caso "extraordinario" polo número de buques que decidiron adoptar esta medida.
Os buques realizaban rutas a outros portos españois ou do norte de Europa e atopáronse co temporal na costa galega. Para resgardarse solicitaron escala na ría pontevedresa. Este venres ao mediodía era posible ver algunhas destas embarcacións desde as praias de Marín.
Esta situación meteorolóxica de temporal manterase durante o sábado e o domingo, xornadas nas que está previsto que se active a alerta laranxa por fenómeno costeiro en todo o litoral de Galicia. En terra establecerase a alerta amarela. Espéranse refachos de 80 km/h. e que continúen as precipitacións abundantes, segundo a AEMET.