O destino Rías Baixas, de promoción na feira World Travel Market Events de Londres
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra promocionará o destino Rías Baixas nun dos eventos turísticos de maior impacto mundial, a feira World Travel Market Events de Londres.
Farao entre o luns 6 de novembro e o mércores día 8, xornadas nas que a deputada de Turismo, Nava Castro, ten previsto manter diferentes reunións para difundir a provincia e pechar acordos comerciais.
Ademais durante a feira está previsto divulgar material promocional da provincia en colaboración con Turismo de Galicia.
"Queremos seguir dando pasos na nosa estratexia para compartir con todo o mundo que Pontevedra é gozar e por iso nosa participación en Londres é decisiva, sobre todo tendo en conta as múltiples conexións aéreas directas entre a cidade británica e Galicia", asegurou Nava Castro.
A representante do goberno provincial viaxará a Londres acompañada de persoal técnico de Turismo Rías Baixas, co que presentará as novidades e as estratexias do destino co obxectivo de potenciar a imaxe de marca e facilitar futuros acordos, desenvolver novos mercados e posicionar o destino Rías Baixas a nivel internacional, explica a Deputación,
Ademais tamén manterá reunións con operadores e autoridades, alcaldes e representantes autonómicos e do Goberno de España en materia de turismo.