Concentración para demandar mellores condicións no sector da hostalería: "estamos na UVI"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Un grupo de persoas do sector de hostalería concentrábase este martes ante o Hotel Rías Baixas para manifestar a situación na que continúa este sector que dá traballo a 25.000 persoas na provincia en restaurantes, cafeterías, bares, locais de lecer nocturno e hoteis, entre outros negocios.
CIG-Servizos organizaba este acto de protesta denunciandoa demora coa que se están acometendo as conversas para renovar o convenio colectivo. Iván Veiga, representante do sindicato nacionalista, alertaba de que o convenio actual perdeu a vixencia no ano 2021 e os salarios permanecen conxelados desde 2020.
Segundo os convocantes, a situación que vive este persoal é "moi crítica. Estamos na UVI", sinalan debido ao incremento do custo da vida durante os últimos anos. Alertan de que, durante as negociacións, non hai perspectiva de lograr algún preacordo e, por este motivo, a CIG decidiu trasladar as reivindicacións á rúa a través da protesta social.
A patronal ofrece un pago lineal de 400 euros para o 2022 como compensación da falta de incremento salarial; a subida do IPC de 2023, que se cobraría no 2024 e un incremento do 3% anual durante o 2024 e 2025. Estas condicións non convencen aos sindicatos. Iván Veiga afirma que a liña vermella se establece na necesaria inclusión dunha cláusula de garantía salarial do IPC. De non existir esas subidas equiparables ao índice de prezos ao consumo, o colectivo de traballadores seguiría perdendo poder adquisitivo, denuncian.
"Non vamos ser partícipes de precarizar máis o sector da hostalería. A patronal está estendendo os prazos e afonda nunha crise preocupante do sector na provincia", denuncia Veiga, sinalando que os outros sindicatos que participan nas negociacións seguen apostando por unha vía de diálogo sen "magnificar o problema na rúa".
Lembra tamén que estes traballos de hostalería xa non son estacionais como sucedía décadas atrás e pasaron a converterse nunha actividade económica "moi importante" en toda a provincia durante todo o ano.
Na tarde deste martes manterán un novo encontro coa patronal na sede da Confederación Empresarial de Pontevedra, situada en Vigo.