Investigan a morte dun home de 51 anos que apareceu á beira dun tractor no monte O Facho
Por Natalia Puga
A Garda Civil ten sobre a mesa unha investigación para aclarar as circunstancias da morte dun home de 51 anos cuxo cadáver foi localizado no monte O Facho de Cerdedo-Cotobade no serán deste xoves.
Segundo a información oficial achegada, todo apunta a que se trata dunha morte por causas naturais, pero a investigación está agora pendente do resultado da autopsia para axudar a esclarecer o ocorrido. Trátase dun veciño da zona nacido no ano 1972.
Un veciño atopou o corpo uns minutos antes das nove da noite nunha zona de monte de difícil acceso no lugar de Rebordelo.
O corpo estaba tirado á beira dun tractor e todo apuntaba a que o home estaba a realizar tarefas para a recollida de leña, por iso é polo que, nun primeiro momento, todo apuntaba que se trataba dun accidente. Con todo, as primeiras investigacións practicamente descartaron esta hipótese.
Así, segundo a información facilitada pola Garda Civil, o tractor non estaba envorcado nin tiña ningunha evidencia de sufrir un accidente e o home non tiña no seu corpo nin traumatismos nin signos de violencia.
As autoridades xudiciais determinaron o levantamento do cadáver sen certificar as causas á espera do resultado da autopsia. De momento, está considerado como unha morte xudicial.
O 112 Galicia recibiu a chamada do veciño que atopou á vítima no chan e á beira do chimpín e mobilizaron ata a zona a voluntarios de Protección Civil, profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e axentes da Garda Civil.