A rampla axardinada do porto de Sanxenxo, camiño de converterse nun "xardín naturalista do século XXI"
Por Redacción
A nova rampla axardinada da zona portuaria de Sanxenxo está a dar xa novos pasos para chegar ao seu proxecto final como nova paisaxe natural, que a arquitecta María Fandiño define como "un xardín naturalista do século XXI con plantas autóctonas que dialogan coa paisaxe de ao redor e de baixo requirimento hídrico".
A arquitecta María Fandiño, gañadora do premio nacional Arquitectura 2021 na categoría de “Sustentabilidade e Saúde. Valores universais”, é a encargada do proxecto de xardinería e da tarefa de combinar a floración das distintas especies creando un auténtico tapiz cromático.
Os primeiros exemplares de piñeiro xa forman parte, desde hai días, da rampla. A plantación deu comezo coas especies de maior porte con suxeición baixo terra e tensores aéreos para evitar o efecto do vento no agarre á superficie.
Ademais, unha malla de coco biodegradable, estendida polos 5.259 metros cadrados de superficie, impide que as fortes choivas arrastren a terra polo noiro. O resultado será un novo espazo verde en pleno centro urbano de Sanxenxo onde se plantarán 33 piñeiros e tamarices e 4.369 arbustos de oito variedades diferentes, cun total de 10.289 plantas.
Co xogo de floracións morado, violáceo e amarelo das especies autóctonas búscase que o efecto sexa o máis silvestre posible, unha paisaxe de costa verde en pleno centro urbano de Sanxenxo. Un traballo que se prevé que culmine a finais deste mes e que precisará duns meses para poder verse en todo o seu esplendor natural. "É necesario que as persoas sexan respectuosas co xardín porque os primeiros meses serán claves no éxito da plantación", asegura Fandiño.
A actuación desta primeira fase concluirá no prazo previsto. Os traballos non se paralizaron no verán e, a pesar da choiva, non se sufriron atrasos.
Relacionadas:
-
A nova rampla axardinada do porto de Sanxenxo, convertida ao fin en realidade
Por Redacción |
-
A nova iluminación pública do parque de Nantes aforrará un 63% ao ano
Por Redacción |
-
A nova rampla axardinada do porto de Sanxenxo toma forma
Por Redacción |
-
O Paseo dos Barcos estreará unha nova pasarela de madeira antes do verán
Por Redacción |