O PP faise eco das queixas cidadás pola falta de iluminación pública e levaraas a pleno
Por Redacción
O PP de Pontevedra faise eco esta fin de semana das queixas realizadas durante as últimas semanas pola cidadanía sobre a falta de iluminación pública en distintos puntos da cidade e anuncia que levará esta situación ao pleno da Corporación.
Desde o PP explican que recibiron a través das súas redes sociais "fotografías e queixas de asociacións de veciños, colectivos de comerciantes e persoas particulares" que reclaman maior iluminación das rúas porque "hai zonas da cidade que dan medo" ao estar "asiduamente" cos farois apagados ou fundidos.
O presidente e portavoz do Partido Popular, Rafa Domínguez, presentará unha moción para instar o Goberno local a cumprir as súas obrigacións en materia de iluminación pública e conseguir que os barrios, o centro histórico e as parroquias "deixen de estar ás escuras".
Domínguez quéixase de que xa a última fin de semana de outubro pediu explicacións ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, sobre o que está a suceder, pero non obtivo resposta.
Na súa opinión é unha "problemática que se dilata demasiado no tempo" e que se acentúa nos meses de inverno, aumentando o malestar da cidadanía.
"A iluminación en Pontevedra brilla pola súa ausencia", denuncia Domínguez, que engade que "non pode ser que un día estea Monte Porreiro ás escuras, outro sexa A Parda, ao seguinte Campolongo".
A Praza do Teucro, a Alameda, a Ferrería e a entrada ao Hospital Provincial son outros dos puntos sen luz aos que fará referencia o líder dos populares.
Asegura tamén que a Oliva, García Camba ou a Rúa Real esta semana volveron sufrir apagamentos da iluminación pública.