A actualización do PXOM de Vilaboa botará a andar "nos vindeiros días"
Por Redacción
O Concello de Vilaboa anunciou esta fin de semana que "nos vindeiros días" contratará os traballos técnicos de actualización do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
O goberno local confía en que no primeiro trimestre do vindeiro ano estes traballos estean finalizados e nese momento xa anuncian que van convocar reunións veciñais en todas as parroquias para explicar con detalle os cambios que recollerá a actualización.
Nese momento, as persoas interesadas poderán solicitar os cambios que consideren oportunos. Mentras tanto, o Concello de Vilaboa mantén durante todo este mes aberta a opción dun asesoramento personalizado a través de cita previa e a posibilidade de xestionar o fraccionamento do pago do IBI.
Xa o pasado mes de xullo o Concello aprobou a correspondente dotación orzamentaria a través dunha modificación de crédito e en setembro comezou o proceso de contratación da empresa que realizará os traballos.
Esta modificación do PXOM, decidida polo goberno local de Vilaboa antes do verán, responde á necesidade de solucionar os erros existentes na revisión catastral realizada mediante un proceso simplificado e que cataloga como urbanizables parcelas nas que non se pode construír.
O alcalde de Vilaboa, César Poza, explica que "o único xeito que temos de corrixir esta situación" é a través dunha modificación puntual do PXOM que catalogue axeitadamente as parcelas.
Segundo explicou, estes erros detectáronse "case de xeito paralelo" á revisión realizada mediante un proceso simplificado polo Catastro.