"Reaxustes" nos proxectos dos fondos europeos de turismo para non perder os cartos
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal fará "reaxustes" nos proxectos incluidos no plan de sostemento turístico en destino, para os que Pontevedra recibiu 2,4 millóns de euros de fondos europeos. O obxectivo é "intentar" non perder os cartos porque os prazos para executar as obras están "moi axustados".
Así o explicou a edil de Promoción económica, Anabel Gulías, que avanzou que o Concello xa está avanzar na tramitación para encargar a redacción dos proxectos técnicos, coa intención de poder ter todo o expediente pagado e xustificado en decembro de 2024.
Recoñeceu que o tempo "xoga en contra", porque ningún dos proxectos técnicos foi elaborado durante o anterior mandato, cando se solicitaron os fondos, pola área socialista do goberno, que foi a que tramitou e impulsou este plan de investimentos turísticos.
Os fondos foron concedidos en setembro de 2021 e se entregou o anticipo de dous millóns no primeiro trimestre de 2023, pero salvo iniciar o expediente e asinar o convenio pouco máis se fixo. De aí que o Concello decidira "reconducir" este plan e reorganizar os proxectos incluídos.
Ao respecto dos fondos destinados a obra pública, arredor de 1,2 millóns de euros, mantense o proxecto de iluminación de espazos naturais na Illa das Esculturas e na Xunqueira de Alba, que será con tecnoloxía LED e será respectuosa co ámbito no que vai a instalar.
Na conexión dun parque forestal coa cidade, o Concello rexeita a idea prevista do Pontillón do Castro por afectar a parcelas privadas. Os trámites de expropiación demorarían esta actuación e impedirían cumprir os prazos previstos por Europa.
A opción elixida é dirixir ese cartos cara a conexión do parque da Tomba coa Xunqueira de Alba. Neste caso deuse orde de evitar propiedades privadas, aínda que o goberno municipal é consciente de que haberá que solicitar permisos a estradas do Estado.
O proxecto "máis complicado" é o da vía verde do Salnés, de case 700.000 euros. Anabel Gulías destacou que haberá que negociar con Adif e aproveitar camiños e corredoiras públicas para conectar a cidade co novo miradoiro do Lérez, sobre a vella ponte do ferrocarril.
A concelleira indicou que nestas semanas sairá a contratación a redacción dos tres proxectos técnicos para que estean redactados e licitados no menor prazo posible. Cada redacción do proxecto terá un custe de 18.000 euros.
A outra parte do plan de sostemento turístico en destino é a relativa á creación de programas e actividades, que está financiada con 1,2 millóns de euros.
A decisión do Concello foi o de unificar as actuación para xestionar o menor número de contratos posibles e acordouse, por unha banda, destinar estes fondos á creación dun equipo técnico que se encargará da xestión de todo o fondo. Esta licitación será de 180.000 euros.
Ademais, mantense a creación dun observatorio turístico no que quedarán rexistrados todos os datos do sector e o programa para divulgar Pontevedra como destino turístico a través de accións de márketing, fam trips, blog trips ou formación para o propio sector.
Outro dos cambios, pola contra, serán as actividades previstas dentro da marca Pontevedra Capital Gastro, que serán reconducidas cara a promoción do mercado de abastos "tratando de dar un empuxón tanto a planta baixa como a primeira planta", segundo Gulías.
Nos vindeiros días manterase unha terceira reunión da comisión de seguimento coa Xunta de Galicia, co propósito de que estea todo pagado e certificado a finais de 2024. A edil asegurou que o traballo que queda por diante "é complexo, pero imos intentalo".