Melloran a eficiencia do laboratorio de Montecelo cun sistema robotizado
Por Redacción
O hospital Montecelo vén de incorporar unha nova cadea robotizada modular ao actual laboratorio de atención continuada
Esta cadea robotizada modular denomínase tamén Laboratorio CORE e transforma e integra os procesos do laboratorio de Urxencias.
Este equipamento de última xeración supón avanzar máis na optimización e eficiencia da xestión das mostras dos pacientes da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, xa que implica unha mellora en termos de calidade, seguridade biolóxica e tempos de resposta.
O director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Jorge Aboal Viñas, xunto co xerente da área sanitaria, José Flores Arias e responsables do laboratorio, visitou este martes estas instalacións, emprazadas no primeiro andar do hospital Montecelo.
Para poñer en marcha este novo sistema foi necesario realizar unha redistribución funcional e arquitectónica dos actuais espazos para poder acollelo.
O Laboratorio CORE consiste nun sistema robotizado DxA 5000 Fit de Beckman Coulter para a xestión das mostras biolóxicas de tipo modular.
Conta cun único módulo común de entrada e de saída, que permite a distribución e clasificación dos distintos tubos -sexan de soro/plasma, sangue ou ouriños-, para logo poder tratalos en unidades satélites independentes. Trátase dun deseño flexible e escalable, polo que se pode adaptar facilmente a incrementos da carga de traballo.
Entre as súas melloras, o Laboratorio CORE é quen de baixar os tempos de resposta para obter resultados das mostras en menos de 60 minutos no caso de peticións urxentes.
Así mesmo, a nova cadea robotizada modular reduce a manipulación e o reetiquetado dos tubos por parte do persoal técnico do laboratorio, o que implica maior seguridade biolóxica.
Outra das vantaxes desta robotización contribúe a identificar o estado e a calidade da mostra. En tres segundos, o sistema chequea parámetros no tubo do doente, tales coma o volume, a identificación da mostra, o tipo de tubo e o seu peso, a cor do tapón, e mesmo as análises pendentes.
Tamén realiza a centrifugación e destapado posterior das mostras, paso no que axuda a reducir significativamente o tempo de procesamento da chamada fase preanalítica.
Na actualidade, o laboratorio de atención continuada do hospital Montecelo xestiona as mostras dunha media de 200 pacientes por quenda.
Coa nova incorporación desta tecnoloxía na actividade cotiá, potenciaránse os protocolos analíticos en máis servizos hospitalarios, nas consultas externas de cada xornada, e tamén nas determinacións bioquímicas, hemogramas, coagulacións urxentes e mesmo ouriños.