Negocian ampliar as horas asignadas en Moraña ao servizo de axuda no fogar
Por Oskar Viéitez
O Concello de Moraña está a negociar coa Consellería de Política Social e Xuventude a ampliación de horas asignadas do servizo de axuda no fogar (SAF) no réxime de atención a persoas dependentes co obxectivo de rematar, a curto prazo, coa lista de agarda.
Por este motivo, o alcalde, Sito Gómez, acompañado pola tenente de alcalde Luisa Piñeiro, mantivo un encontro de traballo coa xefa territorial deste departamento autonómico na provincia de Pontevedra, Ángeles Rouco, e con outros responsables do servizo para solicitar a concesión de 320 horas mensuais máis de atención a dependentes.
"No Concello de Moraña non temos, afortunadamente, unha lista de espera tan grande como outros concellos pero queremos deixala a cero canto antes", dixo o alcalde, "como a recepción da nosa petición por parte da Xunta foi moi boa, agardamos que cheguen a bo porto en poucas semanas e nos concedan estas horas solicitadas", detallou.
Na actualidade, o Concello de Moraña ten concedidas, con financiamento da Xunta de Galicia, un total de 1.972 horas mensuais e estanse a empregar na súa práctica totalidade para atender a 45 veciños coa correspondente valoración de dependencia.
O obxectivo do goberno local pasa por incrementar esta cifra ata roldar as 2.300 horas mensuais financiadas polo goberno galego para atención a estos usuarios, o que permitiría que non houbese, coa demanda actual, ningunha persoa en lista de agarda.
Así, o Concello de Moraña, con 23.664 horais anuais de SAF, superaría as 27.500 en caso de que se aceptara esta solicitude, cifrada en 3.840 horas anuais.