O PSOE reclámalle a Ángel Moldes "que pida perdón" por ter "bloqueado" durante 15 anos o polígono de Fragamoreira
Por Oskar Viéitez
O voceiro do grupo municipal socialista, Gregorio Agís, asegura que o anuncio realizado esta semana pola vicepresidenta segunda da Xunta do desbloqueo do polígono de Fragamoreira, "ademais de deixar patentes as mentiras formuladas por Ángel Moldes e o PP de Poio durante case dúas décadas", son "unha tomadura de pelo para os veciños e veciñas do municipio".
Os socialistas afirman que "semella unha broma de mal gusto que algo que estivo parado durante 15 anos se poida arranxar nunha mañá, nunha breve xuntanza para a fotografía entre o alcalde e a conselleira".
Para os socialistas "non deixa de ser irónico que o alcalde anuncie agora o desbloqueo do polígono, cando foi o principal responsable dese bloqueo hai máis de 15 anos, creando unha plataforma de afectados cando a Xunta dirixida polo socialista Emilio Pérez Touriño quixo desenvolver o parque empresarial".
Gregorio Agís, recorda como "o señor Moldes culpaba ao Concello da situación, cousa que agora se demostra que era mentira. Unha máis das formuladas polo alcalde, que non ten límites nestas lides".
O PSdeG-PSOE afirma ter moi claro que "se o polígono de Fragamoreira non é hoxe unha realidade é simplemente por razóns políticas. O PP negouse a facelo realidade mentres houbese un Goberno de esquerdas en Poio", inciden os socialistas, que recordan como o presidente de Xestur e exvoceiro do PP de Poio, Javier Domínguez, asegurou no seu día que o polígono sería unha realidade en 2013.
"Mentiras e embustes que pagan os veciños de veciñas de Poio, especialmente os de Fragamoreira e Vilariño, que aínda non dispoñen de servizos básicos ao non poder desenvolverse a urbanización", sinala Gregorio Agís.
Ademais, o voceiro do PSOE tamén lembra outra consecuencia "moi grave" da "política de mentiras do Partido Popular" como foi que "a falta de chan industrial en Poio obrigou a entidades como Froiz a irse a outras localidades".
Por todos estes motivos o PSOE de Poio reclámalle a Ángel Moldes "que pida perdón".