Recollen 800 quilos de alimentos no festival benéfico dos Abrentes de Cerdedo
Por Redacción
O auditorio de Cerdedo quedou pequeno ante a cantidade de público que se achegou ao festival benéfico de Nadal organizado por Os Abrentes de Cerdedo, que logrou recadar uns 800 quilos de alimentos para o comedor social de San Francisco, en Pontevedra.
Tal foi o éxito que moita xente tivo que escoitar os concertos dende o recibidor do auditorio.
No festival participaron as agrupacións tradicionais Os Trazantes de Tenorio, Foula de Tenorio, As Pandereteiras do Val de Quireza, Os Afoutes do Canon de Pau e Tralha da Terra de Montes.
Xunto a eles estiveron os anfitrións, Os Abrentes de Cerdedo en colaboración co CEIP San Xoan Bautista de Cerdedo, coordinada pola mestra Cristina Romeo Mougán e o presidente da asociación Gabriel Pazos Bugallo.
Durante o festival, o presentador Rubén Troitiño conectou co público cun apaixoante debate interactivo sobra as tradicións musicais da contorna da Terra de Montes, tal e como viña desenvolvendo o seu rol de historiador co seu proxecto das Músicas da Terra de Montes.
O rematar as actuacións, Os Abrentes de Cerdedo aproveitaron para homenaxear a xa desaparecida agrupación Pandereteiras de Barro de Arén.
A paixón pola música tradicional e a solidariedade dos veciños, asociacións culturais e comerciantes de Cerdedo-Cotobade uníronse así para dar forma a unha noite máxica.