Os cantos de Reis volven soar en Pontevedra da man de Os Chichisos
Por Redacción
Hai anos, era tradición que en Nadal grupos de mozos percorresen aldeas e parroquias do rural interpretando pequenas cancións populares que se transmitiran oralmente ao longo dos séculos. Facíano tamén en Fin de Ano e en véspera de Reis. A cambio, os veciños dábanlles un aguinaldo que, ao tratarse habitualmente de viño, chourizo ou doces, despois consumían organizando unha festa.
Esta tradición, recuperada en Pontevedra por Os Chichisos, volveu escenificarse este xoves nas rúas e prazas do centro da cidade. Acompañado de 16 nenos e nenas, os integrantes desta asociación interpretaron os coñecidos como "Cantos de Reis".
Facendo bo uso de instrumentos tradicionais como a gaita, o tamboril, o bombo, a pandeireta e o pandeiro, iniciaron o seu percorrido na praza de San Xosé. Posteriormente repetiron actuación na rúa Oliva, a praza da Peregrina, a praza de Ourense ou Daniel de la Sota.
Estes 'cantos de Reis' adoitan xirar en torno á visita e adoración dos Reis Magos a Xesús, a fuxida da Sagrada Familia a Exipto, a viaxe de Nazaret a Belén de José e María ou a busca dun lugar para que María dese a luz ao neno Xesús.
Como vén sendo habitual, a actuación dos nenos pola cidade atraeu numerosos curiosos que, durante cada unha das cancións, foron depositando o seu aguinaldo. Máis lles valía. E é que xa estaban avisados polos pequenos cantores: "outro ano máis cantámosche os reises do quiquiriquí, se non nos dás nada caghámosche aquí".
Relacionadas:
-
Os Reis Magos pasan pola Boa Vila horas antes dunha noite máxica na que ninguén quedará sen agasallo
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez |
-
Os Magos de Oriente percorreron Sanxenxo en descapotables repartindo 600 quilos de caramelos
Por Oskar Viéitez |
-
Os Chichisos están en marcha cos Cantos de Reis
Por Anxo Lourido |
-
Volven un ano máis, e xa van 22, os Cantos de Reis
Por Redacción |