O FICBUEU trae a Galicia por primeira vez o Premio Internacional do Público do Shortcutz Amsterdam
Por Redacción
O venres 12 de xaneiro o Centro Social do Mar de Bueu acollerá a proxección, por primeira vez en Galicia, das seis pezas audiovisuais que optan ao Premio Internacional do Público do Shortcutz Amsterdam.
Shortcutz Amsterdam é unha das principais plataformas dos Países Baixos para o talento emerxente do cinema neerlandés, brindando oportunidades de exhibición, conectando cunha audiencia nacional e internacional e facilitando as relacións entre profesionais da industria.
Cada ano, en colaboración con outras institucións e festivais de todo o mundo, Shortcutz Amsterdam convida ao público internacional a escoller a súa curtametraxe neerlandesa favorita do ano. Ata o 19 de xaneiro, as persoas interesadas poden asistir ás proxeccións que se levarán a cabo en todo o mundo, desde Berlín e Londres ata Atenas ou Maputo, pasando por Galicia por primeira vez.
Da man do FICBUEU, esta proxección farase ás 21:00 horas no Centro Social do Mar de Bueu. Para asistir é preciso mercar entrada a través da tenda web do festival (www.ficbueu.com/tenda) ou no despacho de billetes do auditorio da vila a partir das 20:30 horas.
Durante a proxección, a organización proporcionará á audiencia papeletas para participar na votación global e escoller a mellor curtametraxe. A gañadora xeral darase a coñecer na cerimonia de entrega de premios do 11º Shortcutz Amsterdam o 21 de xaneiro de 2024.
Os filmes que conforman a sesión son: A Capella in D Minor, de Malu Janssen; Fly, de Patty Stenger; Gnomes, de Ruwan Heggelman; I'm not a robot, de Victoria Warmerdam; Jammed, de Isis Cabolet; e New Babylon, de Gideon van der Stelt.
Relacionadas:
-
O FICBueu exclúe do festival calquera curtametraxe financiada por Israel
Por Alejandro Espiño |
-
A residencia artística do FICBueu busca os catro 'inquilinos' para a súa segunda edición
Por Redacción |
-
Un ano de podcast inmensamente culturais en PontevedraViva Radio
Por Redacción |
-
'Sismes' de Jordi Sanz Angrill é o guión gañador da Residencia FICBUEU
Por Redacción |
-
Isabel Peña, guionista de 'As Bestas', xa titoriza a formación de catro cineastas na Illa de Ons
Por Redacción |
-
A estadounidense "Endless Sea", unha historia de loita contra o sistema sanitario, triunfa no FICBUEU
Por Alejandro Espiño |